O alcalde do Concello de Lalín, Xosé Crespo, presentou aos medios de comunicación a XL Edición da Feira do Cocido que terá lugar o vindeiro 27 de xaneiro. Na rolda de prensa tamén interviron a subdirectora xeral de Fomento e Cooperacion, Pilar Morgade Saavedra e o presidente da Asociación Amigos da Cociña Galega, José González Solla.
Xosé Crespo anunciou que esta XL edicíon contará de novo cun grupo de garotas, batuqueiros e capoeira representativas do carnaval brasileiro e como novidade organizarase unha exposición de figuras de porcos celtas, que posteriormente percorrerán outros municipios galegos e españois promocionando o municipio lalinense. Crespo tamén avanzou que entre os comendadores que se nomearán este ano figuran o empresario Manuel Jove e a xornalista Pilar Cernuda.
O alcalde lalinense explicou outra das novidades desta XL edición da Feira do Cocido. Trátase dunha mostra de porcos celtas realizados en fibra de vidro pintadas por artistas de Deza, dun xeito semellante ás vacas da Cow Parade que tivo lugar hai meses en Vigo, “que se colocarán por distintas rotondas e rúas do casco urbán lalinense nas vindeiras semanas e que posteriormente itinerará por outros concellos galegos e españois para promoción do noso municipio”.
O cartel anunciador da XL Feira do Cocido é obra do artista lalinense Antón Lamazares, que debuxou un porco porreiro para difundir esta celebración. Así mesmo, Xosé Crespo recordou que o pregoeiro deste ano será o empresario e presidente da Corporación Voz de Galicia, Santiago Rey Fernández-Latorre, “que xa é comendador da Feira do Cocido desde o ano 2002”.
O alcalde lalinense indicou que o 26 de xaneiro terá lugar o nomeamento de Fernando Ónega como Fillo adoptivo de Lalín. Outras das actividades da programación serán a matanza tradicional do porco, que terá lugar o sábado 19 de xaneiro na parroquia de Vilatuxe, os premios da gastronomía de Galicia, tanto o de xornalismo Álvaro Cunqueiro como os recoñecementos aos profesionais, ás empresas e ás persoas que se distinguiran na potenciación da cociña galega en Galicia, España e o mundo; e a Gala da Gastronomía de Galicia, que se celebrará o 25 de xaneiro no Pavillón de Deportes Municipal.