Esta festa do pan carballesa rematou por converterse nunha feira multicultural que condensará, en tres días, sonoridades galegas, vascas, guineanas, uruguaias, arxentinas ou cubanas, nunha carpa instalada no aparcadoiro do Centro Comercial Bergantiños de
Carballo.
Polas rúas armarán rebumbio os candombeiros da Comparsa
Lubola, ou os grupos locais Fol de Veneno e Raza Loba, e tamén poderá visitarse unha mostra e mercar produtos de comercio xusto, agricultura ecolóxica e artesanía de 11 da mañá a 2 da tarde, e de 5 a 8 da tarde. Á tardiña e á noite, os concertos encherán o espazo cunha mestizaxe de sons africanos, latinoamericanos, galegos e vascos.
O xoves ábrese este programa de concertos cunha "viaxe de ida": ás 6 soará a música tradicional latinoamericana de Los Tempraneros, e a seguir, achegarémonos ao tango da man de Alicia y Rivera, para rematar con música cubana interpretada por Habana. Ás 9 da noite, "unha viaxe de volta" trae baile tradicional uruguaio con
El Ceibo, escoitaremos o cuarteto rioplatense Diego Verardi, e finaliza a xornada a fusión de Pablo Bicho.
E xa o venres ás 22.00, irmándanse os sons galegos e vascos no Festival Panxea Raíces:
Sérra-lhe Aí e Ventos Viciosos inician a noite, que continúa coa música tradicional de Esukadi recuperada por
Oskorri e continúa con
Cuchufellos. O sábado á mesma hora, o Festival Panxea Global achégase á lusofonía:
Ruote, Manecas Costa e
Bonovo póñenlle o broche de ouro a esta festa do pan e da convivencia cultural.